eBooksBierzo se une al BICENTENARIO DE ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, poeta berciano, contemporáneo y amigo de Enrique Gil. El profesor Héctor Silveiro abandera en este artículo la celebración del Centenario de Morales que debe acoger en 2017 la villa de Cacabelos y todo El Bierzo, como motor de nuestra “personalidad literaria”.

Hai 151 anos, nacía Enrique Gil en Vilafranca, un dos autores que  mellor define literariamente ao Bierzo. Lembramos con agrado que hai un ano estábamos en pleno Bicentenario deste autor  considerado como selo da personalidade literaria da comarca.  Por outro lado, tan só hai uns días a Real Academia Galega desestimaba a candidatura que  propuña  a Antonio Fernández Morales para o Día Das Letras Galegas do 2017, coincidindo co ano do seu Bicentenario. Este bicentenario que  no Bierzo esperábamos comezar dalgún xeito con esa proclamación, lamentablemente non cobrou o eco singular  desexado  nos actos que o Consello Comarcal organiza para festexar  o seu 25 aniversario.  Cremos sinceramente que a personalidade literaria do Bierzo está coxa se os bercianos non somos capaces de situar a Fernández Morales  a un nivel  semellante  ao de Enrique Gil. Este é un importante reto.

O Bierzo vai ter ocasión de contrastar, en pouco tempo, dous bicentenarios, os de dous autores que, sen lugar a dúbidas, definen a identidade berciana e se complementan irremediablemente. O do Bicentenario do 2015, o de Enrique Gil, tras un esforzo inxente de colectivos e de persoas concretas, logrou marcar un antes e un despois  no que destacamos a  aparición e difusión da Biblioteca Gil y Carrasco, é dicir, a reedición revisada e actualizada das súas obras completas grazas ao seu editor Valentín Carrera, que loitou tamén por realizar un Congreso Internacional sobre o Romanticismo e o noso autor, ao que temos que engadir outras ediciois destacables, numerosos actos, exposiciois e charlas (muitas delas promovidas polo IEB)  que actualizaron a súa biografía, reafirmaron o seu apego á terra tanto sentimental e literario como a súa ligazón, digámolo así, máis política ao provincialismo berciano, mesmo deu o seu nome ao teatro vilafranquino. Non podemos esperar  menos doutro Bicentenario que se achega, o do 2017, o de Morales, que vén sendo o cantor do Bierzo que  coa intención de ofertar un legado lingüístico e cultural para o futuro  publicou milleiros de versos na fala popular do Bierzo nun fermoso e voluminoso conxunto de poemas, aínda descoñecidos para unha inmensa maioría de bercianos, sendo esta difusión e divulgación unha das primeiras metas a bater.

Temos pois unha gran oportunidade para que os 25 anos da nosa comarca logren asentar unha personalidade literaria integral que ademais do discurso culto evocando a paisaxe melancólica do Bierzo medieval de castelos e mosteiros que entendemos representa Gil en castelán, sexa complementado co paisanaxe que retrata Morales que bebe da literatura da tradición oral e afonda nos costumes das xentes humildes de magostos e  fiandois, de entroidos e vendimas nun Bierzo feraz e alegre, en galego. Ambas linguas son patrimoniais, conforman a nosa identidade e teñen nestes dous autores coetáneos os seus máis singulares representantes. Gil e Morales cantaron á Terra que amaron, son a cara e a cruz da mesma moeda acuñada no Bierzo, non de metal, pero si de versos imperecedeiros. Ambos cantaron ás súas vilas, aos seus ríos, ambos son merecedores dun tributo semellante. Se ben é certo que demos un gran paso adiante con Gil tamén o é que lle debemos a Morales un recoñecemento similar. Ata o de agora o autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861) viviu no avesedo, como á sombra da figura do gran autor da violeta e da gota de rocío. Fagamos que sexa tamén coñecido, recitado e cantado polos bercianos.   Enmarcado no denominado Rexurdimento, movemento literario que dalgún xeito daba os seus primeiros pasos grazas a Sarmiento, outro berciano que escribía en galego, militar de profesión e liberal republicano convencido,  os seus restos descansan para sempre no cemiterio da Edrada ao pé do Castro Bergidum.

Abordar de forma integral a personalidade literaria do Bierzo debería ser esoutro obxectivo deste Bicentenario a realizar no 2017 e debería ser desta volta Cacabelos o espazo que nos acolla, máis cedo que tarde, nunha primeira iniciativa para reunir ás persoas e entidades interesadas en poñer a andar o  Bicentenario de Antonio Fernández Morales, cuxa conta atrás comeza simbolicamente a andar no día de hoxe.

Héctor M. Silveiro Fernández